Friday 29 de March de 2024

O Concello colabora no XVII Congreso Nacional de Estudantes de Dereito (CONEDE) que se realiza estes días na cidade


Inés Rey recibe esta tarde no consistorio as persoas participantes do CONEDE no que foi o acto de apertura do congreso

A alcaldesa, Inés Rey, recibe esta tarde no Salón de Plenos do Concello as persoas participantes do XVII Congreso Nacional de Estudantes de Dereito (CONEDE), que ten lugar na Coruña desde hoxe ata o domingo e acolle 75 estudantes de todo o territorio nacional.

Ao acto de apertura no consistorio asisten, ademais da rexedora da cidade e das e dos participantes, o decano do Ilustre Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez Cepeda, o decano da Facultade de Dereito, José Antonio Seoane Rodríguez, o presidente do Grupo Alternativo de Estudantes de Dereito (GADED), Marco Senra, e o presidente do CONEDE, Gabriel Rodríguez Leva.

O congreso, no que colabora o Concello da Coruña, realízase por primeira vez en Galicia grazas ao incansable labor do GADED por mellorar a calidade do ensino e da aprendizaxe nos graos de Dereito da Universidade da Coruña, onde se levarán a cabo as diferentes actividades e relatorios do congreso, tanto na Facultade de Dereito como na de Económicas.

O CONEDE é un consello de representación estudantil no que están agrupadas todas as delegacións de estudantes, así como asociacións e similares das

universidades públicas e privadas de España. Nestes congresos teñen lugar as asembleas ordinarias e extraordinarias do consello e o alumnado de Dereito do territorio nacional ten a oportunidade de debater sobre os asuntos de actualidade como as reformas lexislativas, cambios normativos, alteracións no transcurso dos exames do Estado etc.